Monday 29 de April de 2024

O Concello de Lousame abre o prazo de inscrición na súa Ludoteca de Verán, que terá lugar do 1 de xullo ao 31 agosto


As familias poderán optar por anotar aos cativos para todo o verán, por 15 euros/mes, ou tamén por días ou semanas soltas

O Concello de Lousame abre hoxe luns 13 de xuño o prazo de inscrición na súa Ludoteca de Verán, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto. Integrada no programa Lousame Concilia, a Ludoteca de Verán está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade para os que o Concello de Lousame ten programados unha serie de obradoiros que terán lugar do 1 de xullo ata o 31 de agosto nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, en horario de 9:30 a 14:30 horas.

No caso das familias que opten pola inscrición para todo o verán, o prezo será o mesmo co ano anterior: 15 euros/mes. O prazo de inscrición estará aberto ata o 17 de xuño. Para anotarse só terán que descargar e cumprimentar o impreso correspondente, que poden recoller nos Servizos Sociais de Lousame ou descargar na web municipal (www.concellodelousame.es). No caso das familias interesadas en que o seu cativo participe nunha única semana ou en días soltos, só terán que chamar ao teléfono 609 828 853, sempre e cando queden prazas libres. Neste caso, o prezo é de 2,5 euros por día. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494.

O Concello de Lousame convoca 40 prazas. No caso de haber máis demanda que prazas, terán preferencia os nenos/as empadroados/as no municipio, os que teñan a ambos proxenitores traballando, os de menores ingresos económicos e, finalmente, a orde de inscrición. As solicitudes que non obteñan praza pasarán á lista de espera.
Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo. A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, explica que se trata “dunha iniciativa que, ademais de ocupar o tempo de ocio dos escolares dun xeito divertido e educativo, lles ofrece ás familias de Lousame un modo de conciliar a súa vida laboral e familiar durante estes meses de vacacións escolares”.